Cursaranse no segundo cuadrimestre, e para que un estudante poida obter reflexo na expedición do seu título de ter realizado un itinerario, debe cursar polo menos catro das seis materias ofertadas no itinerario correspondente, podendo completar o seu expediente con calquera materia optativa do resto de especialidades.

Para facilitar a coordinación e o acceso do alumnado a calquera itinerario, todas as materias impartiranse na modalidade semipresencial. Utilizaranse as plataformas docentes virtuais de cada Universidade para a oferta, organización e depósito dos contidos de cada materia, e combinaranse sesións presenciais con outras nas que se utilizarán medios telemáticos que permitan o seguimento a distancia.

A metodoloxía de traballo tamén incluirá oferta de materiais (textos, documentos, tutoriais, etc…) que poidan ser consultados a través das plataformas docentes de cada Universidade. A avaliación do alumnado realizarase segundo as actividades desenvolvidas polos mesmos e as probas específicas que poidan establecerse en cada materia. Naquelas materias con alta actividade non presencial, habilitaranse procedementos que garantan o control da identidade dos estudantes nos procesos de avaliación.